O xuíz devolve o veredito ao xurado por ‘erros formais’ e ‘posibles contradicións’

SANTIAGO> O caso Diana Quer continúa sen veredito. Esta mañá o xuíz Ángel Pampín decidiu devolvelo ao xurado para que continúen as deliberacións. Tras revisalo detectou erros formais, falta de fundamentación nalgúns aspectos e posibles contradicións nas máis de vinte preguntas que os membros do xurado que responder. Este mediodía retomaron as deliberacións para determinar a culpabilidade do Chicle.

Erros formais, falta de fundamentación e posibles contradicións, son os problemas que o maxistrado Ángel Pantín detectou no veredito do xurado popular sobre o caso Diana Quer. Esta mañá o xuíz analizou as respostas ás 27 preguntas que compoñen o obxecto do veredito sobre as que o xurado delibera dende a tarde do martes. Tras encontrar varias deficiencias, decidiu devolvelo para que os cinco homes e catro mulleres que compoñen este órgano retomen as deliberacións. Nun encontro privado, todas as partes amosáronse dacordo.

En base ás preguntas do obxecto do veredito, o xurado debe decidir se considera probados ou non determinados feitos e, polo tanto, determinar a culpabilidade do Chicle na morte da moza madrileña o 22 de agosto de 2016. Por unha banda, acusación e Fiscalía defenden que José Enrique Abuín raptou a Diana na Pobra, levouna no coche ata a nave rianxeira de Asados para violala e que despois a matou estrangulándoa cunha brida.

De considerar probada a agresión sexual, podería ser condenado a prisión permanente revisable. Pola contra, a defensa asegura que O Chicle matou a moza de xeito involuntario, e recoñece un homicidio involuntario ou con dolo eventual. Neste caso, a condena moveríase entre os 2 anos e medio e os 7 de cadea.

As partes volven estar citadas para mañá ás 10 da mañá, o que non é garantía de que coñezamos entón o veredito. O xurado pode precisar aínda máis tempo para seguir deliberando. Se a devolución se repetira tres veces, a lei recolle que o órgano tería que disolverse e convocar un novo xuízo oral con outro xurado.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí