As vivendas turísticas son a opción preferida en Galicia para este verán

GALICIA> As vivendas turísticas non se poden beneficiar dos Bonos Turísticos da Xunta de Galicia, pero están a converterse nunha das opcións máis demandadas para gozar das vacacións. As máis demandadas son as casas con xardín e piscina, a mellor alternativa para desfrutar con seguridade en tempos de covid.

As casas illadas con xardín e piscina son a opción estrela en tempos de pandemia para os turistas. Este ano as reservas están a adiantarse e xa quedan poucas con estas características para xullo e agosto, os meses centrais da tempada de vacacións.

Non importa se están no interior ou na costa, o turista céntrase na vivenda e busca unha serie de comodidades para gozar das vacacións. Máis aínda cando o teletraballo permite alongar as estancias.

Dende a asociación animan aos viaxeiros a optar por épocas alternativas aos meses de xullo e agosto para fixar as súas vacacións.

Como todo o sector, as vivendas turísticas notaron as restricións que estiveron vixentes na Semana Santa. Sobre todo o peche da comunidade. De cara ao verán, gran parte das reservas son de viaxeiros que chegan de Madrid, Asturias e Castela e León.