MADRID> ‘Sigue o teu instinto’ deixa a Fitur coa boca aberta. A Deputación de Pontevedra centrou a súa campaña deste ano na natureza e no seu compromiso co desenvolvemento sostible. A súa presentación na feira de turismo contou coa intervención de tres embaixadores de excepción: as actrices Celia Freijeiro e Jazmín Abuín e o xornalista Xabier Fortes.
A natureza foi a gran protagonista na presentación da Deputación de Pontevedra nesta edición de Fitur. A presidenta provincial puxo en valor, por riba de todo, a diversidade medioambiental que agocha a provincia.
A campaña deste ano da Deputación de Pontevedra, quere visibiliza-lo seu compromiso co medio ambiente e cun turismo sostible. Unha aposta decidida polo sector, di a presidenta, sen perder de vista os compromisos da AXENDA 2030. Porque para a Deputación de Pontevedra, a provincia ten que ser referencia en turismo respectuoso e responsable. Carmela Silva apunta tamén que o que se busca é escapar do turismo de masas.
Na presentación en Madrid, a Deputación convidou a regresar ás orixes e gozar do rico patrimonio natural e cultural da provincia. O acto estivo conducido pola actriz Celia Freijeiro, que tamén actuou de embaixadora. Canda ela, a actriz Jazmín Abuín e o xornalista Xabier Fortes.
Ademais deles, tamén actuaron como embaixadores pontevedreses varios deportistas de elite da provincia, como Pablo Dapena ou Desireé Vila.