BARBANZA> A reforma do regulamento xeral de Costas impulsada polo goberno do estado pon en risco a máis dun cento de empresas do litoral galego. Así o advertiu a Consellería do Mar que pide ó executivo central que garanta a seguridade xurídica dos posibles afectados.
O cambio normativo proposto polo goberno central sobre o regulamento de Costas podería poñer en risco a máis dun cento de empresas relacionadas coa transformación de produtos pesqueiros asentados no litoral galego. Entre os aspectos máis prexudiciais destaca a limitación do prazo máximo de duración das concesións a setenta e cinco anos ou a revisión dos requisitos para o outorgamento das concesións no caso de prórroga.
A reforma do regulamento de Costas establece ademais a obriga de derivar fóra da zona de dominio público marítimo-terrestre as actividades que poidan desenvolverse noutro lugar. Aínda que podería ser viable tecnicamente, implicaría un encarecemento da produción e consecuente perda de rendibilidade de moitas empresas.Segundo a Conselleira do Mar, esta situación tradúcese nunha total inseguridade xurídica non só para as propias empresas senón para todo o sector produtivo que depende da súa actividade, como os mariscadores e bateeiros.
Galicia defende un regulamento que teña en conta a viabilidade e sustentabilidade destas empresas polo que a Xunta xa presentou alegacións solicitando que os distintos operadores afectados non queden expostos a decisións arbitrarias e cambios de criterio en función do goberno de turno.