PONTEVEDRA> Avanza a campaña de vacinación en Galicia. Hoxe comezaron a inxectarse as primeiras doses aos maiores de 80 anos na nosa comunidade. O centro de saúde Virxe Peregrina de Pontevedra é un dos 400 puntos de vacinación que xa funcionan en todo o territorio galego.
O proceso arrancou cos anciáns cuxo primeiro apelido comece coa letra ‘H’. A decisión tomouse mediante sorteo ante notario e as citas seguirán avanzando por orde alfabética dende esa letra.
A Xunta calcula que en Galicia hai unhas 230.000 persoas maiores de 80 anos que viven fóra de residencias de maiores. A súa previsión é terlles subministradas as dúas doses na primeira semana do mes de maio.
O Servizo Galego de Saúde seguirá chamando nos vindeiros días aos veciños desta poboación diana para darlles cita para vacinarse. Por iso, insisten na importancia de ter actualizada a información de contacto da tarxeta sanitaria.