Desartellada en Ribeira unha rede que introducía billetes falsos en España

RIBEIRA> Detidas oito persoas en Ribeira no marco dunha operación contra a introdución de billetes falsos. A Policía Nacional logrou intervir máis de oitenta e sete mil dólares estadounidenses, unha das maiores incautacións de toda España.

A investigación que culminou coa detención de oito persoas en Ribeira iniciábase no mes de outubro cando diversas entidades bancarias deron aviso da presenza de billetes de dólares estadounidenses falsificados.

Trala identificación do principal responsable e cabecilla da banda, os axentes localizaron a outras dúas persoas que introducían os billetes falsos a través do cambio de divisas que ingresaban directamente en contas das que eran titulares. A policía iniciou entón un seguimento dos investigados, constatando as súas rutinas, lugar de residencia e a posible relación con delitos de tráfico de drogas e roubos con forza.

Finalmente, os axentes conseguiron identificar e deter a un total de oito persoas que introducían a moeda falsa, proporcionada por outro cidadán español que actualmente se atopa encarcerado en Suecia. Ademais dos arrestos, a policía procedeu á incautación de algo máis de oitenta e sete mil dólares falsos. Trátase de falsificacións de moi boa calidade e difíciles de detectar. Con esta operación, a Policía da por desartellada unha das organizacións criminais máis activas neste tipo de delitos.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí