O BNG comprométese cos afectados polas listas de agarda a recuperar a área sanitaria do Salnés

VILAGARCÍA> O BNG comprométese a recupera-la área sanitaria do Salnés se chega ó goberno da Xunta. Os nacionalistas mantiveron hoxe un encontro con representantes da Plataforma de Afectados polas Listas de Agarda. O colectivo alerta do grave deterioro que vive o sistema público galego. Di que, entre outras moitas medidas urxentes, o prioritario é dotar ós ambulatorios e hospitais de máis persoal facultativo.

O BNG quere que o Salnés volva contar cunha área sanitaria propia, que non dependa de Pontevedra. Os nacionalistas comprométense a reinstaurala, de chegar ó goberno da Xunta despois das eleccións do cinco de abril.

O BNG trasladoulle esta promesa ós representantes da Plataforma de Afectados polas listas de Agarda, un colectivo de recente creación que iniciou unha rolda de contactos con forzas políticas e sindicatos para escoita-las propostas de uns e outros para mellora-lo sistema público. No encontro desta mañá, os nacionalistas amosaron a súa preocupación polo deterioro da sanidade en Galicia.

Precisamente, a carencia de profesionais e as súas condicións preocupan á Plataforma. No colectivo queren deixar claro que non están vinculados a ningunha forza política. Indican que van continuar coa súa xeira de encontros, de cara a organizar unha reunión conxunta entre todos, coa vista posta, avanzan, nunha posible manifestación no Salnés en defensa da sanidade, para a que aínda non marcaron data.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí