Vilagarcía retoma a súa formación en novas tecnoloxías para o fomento do emprego

VILAGARCÍA> A formación en novas tecnoloxías volve estar ó alcance de todos en Vilagarcía. O Concello organiza un novo programa de cursos nesta materia, enfocados ó fomento da empregabilidade. Entre as novidades deste ano, actividades de orientación laboral, para aprender a deseñar un perfil profesional atractivo.

O programa de Capacitación Dixital de Vilagarcía inicia novo curso mantendo o seu obxectivo: fomenta-la empregabilidade. Nesta nova edición vanse ofrecer 14 cursos de balde, repartidos en catro bloques temáticos: inclusión dixital, ofimática, orientación ó emprego e capacitación avanzada en ferramentas TIC.

Unha das novidades que incorpora o programa deste ano é formación específica na orientación laboral. Porque se o que se busca é un emprego, o currículo de toda a vida xa quedou obsoleto. Os cursos relacionados coa capacitación en ferramentas TIC chegan tamén con novidades.

O programa formativo, que se vai celebrar na aula Cemit de Matosinhos prolongarase dende marzo ata novembro. Na pasada edición participaron, en total, 450 persoas.