Os restos do catamarán serán retirados a primeira hora de mañá cun guindastre

O GROVE> Durante esta xornada, os efectivos de emerxencias continuaron traballando no punto do accidente do Boramar, facendo  tarefas de limpeza de residuos e retirando algúns dos restos da embarcación.  O que queda do catamarán será retirado, previsiblemente mañá coa axuda dun guindastre.

Dous días despois do sinistro do Boramar, os efectivos de emerxencia continúan traballando no punto. Co catamarán afundido, as tarefas céntranse agora en evitar un episodio de contaminación. O persoal de emerxencias traballou nas últimas horas na retirada dos desfeitos do barco. Ademais, hai instaladas varias barreiras e absorbentes para frea-las posibles verteduras.

Un barco-guindastre encarase, previsiblemente mañá, de retira-lo esquelete do catamarán. O dispositivo de emerxencias despregado dende que se declarou o incendio na embarcación non foi doado. O lume non quedou estinguido ata a madrugada. Foi precisa a intervención de moitos medios materiais e humanos para conseguir sufoca-las lapas.

A pesar do bo desenvolvemento do dispositivo, os efectivos de emerxencias salientan que si houbo unha cousa que non saíu tamén como debera: segundo din, as primeiras chamadas de alerta dos cidadáns tardaron en chegar.

Como contrapunto, a inmediata resposta dos barcos que andaban pola zona. En cuestión de segundos, achegáronse ata o lugar do incendio para rescatar ó medio cento de persoas que viaxaba no catamarán. De feito, tal foi a colaboración desas embarcacións que, cando os servizos de emerxencia deron chegado ó lugar, estaba sendo rescatado xa o último grupo de pasaxeiros.