Tres emprendedoras están detrás da xoguetería educativa ‘A Balea das cores’

PONTEVEDRA> “A Balea das Cores” está a piques de cumprir un ano de vida en Pontevedra. Trátase dunha xoguetería diferente, que enche os seus estantes con xoguetes educativos que apostan pola igualdade entre nenos e nenas. O proxecto naceu da iniciativa de tres mulleres novas, emprendedoras e nais. Para poñelo en marcha, contaron cunha achega da Xunta de 21.000 euros, no marco do programa Emega.

Vanesa Osorio, Almudena López e Claudia Silveiro, son tres mulleres, novas, emprendedoras e nais están detrás da Balea das Cores; unha xoguetería que aterrou hai oito meses no número 4 da rúa Castelao, no centro de Pontevedra.

Dende o seu establecemento, estas mulleres fan unha aposta polos xoguetes igualitarios para nenos e nenas, e polo tipo de xogo que na súa faceta de nais prefiren para os seus cativos.

Elas son de Pontevedra, Santiago e Redondela, pero decidiron que a Balea das Cores fora pontevedresa despois de analizar o ambiente que se vive na cidade. Atopar o local axeitado e que non houbera moita competencia deste tipo, rematou por animalas a dar o paso.

Tamén foi importante a axuda que recibiron da Xunta. O seu proxecto conseguiu unha achega de 21.000 euros dentro do programa Emega, que busca fomentar o emprendemento feminino e apoiar o empoderamento económico e social das mulleres.

As axudas están cofinanciadas polo Fondo Social Europeo, no marco das achegas Galicia 2014-2020.