Persoas con discapacidade piden a eliminación de barreiras e discriminacións

PONTEVEDRA> Entidades sociais que traballan con persoas con discapacidade en Pontevedra reuníronse na Praza da Ferraría con motivo do Día Internacional do colectivo. No acto reivindicaron un mundo sen discriminacións nin barreiras. O lema “Baixo o mesmo paraugas” resultou literal nunha xornada chuviosa que non impediu a mobilización para conseguir a igualdade de trato por parte de administracións e sociedade.

Por terceiro ano consecutivo as principais entidades sociais que traballan con persoas con discapacidade en Pontevedra celebraron de maneira conxunta o Día Internacional dedicado ó colectivo.

Coa lectura dun manifesto fixeron públicas as súas principais reivindicacións, que son a eliminación de barreiras e discriminacións, e a igualdade de oportunidades.

Piden ante todo que se vexa a discapacidade dende a normalidade.

Reivindicación que vaI dirixida tanto ás institucións coma á sociedade en xeral.

A iniciativa desenvolveuse de maneira simultánea na Coruña, Santiago de Compostela, Pontevedra e Vigo. En total, en toda Galicia saíron á rúa 50 asociacións que representan unha base social de máis de 22.000 persoas, incluíndo persoas con discapacidade, familias, profesionais, socios e voluntariado.