Sargadelos inmortaliza o Ravachol para Pontevedra

PONTEVEDRA> A icona por excelencia do Entroido pontevedrés xa ten a súa réplica na cerámica de Sargadelos. A figura do loro Ravachol pode atoparse na galería Torrado de Pontevedra, que ademais a vende en exclusiva.

O loro Ravachol refórzase como icona do Entroido de Pontevedra. Se para a veciñanza xa era inmortal, recordándoo cada ano por estas datas, agora poderá meterse de cheo nos fogares. A popular mascota de Perfecto Feijóo xa ten a súa propia figura de Sargadelos.

A figura preside agora a galería Torrado de Pontevedra, na rúa Oliva. Foron eles os que tiveron a iniciativa e traballaron cos deseñadores de Sargadelos para darlle forma ao famoso loro.

Ademais do Ravachol xa rematado, no establecemento podemos ver unha pequena exposición do proceso de fabricación da figura. Comézase cun modelo en barro que despois se pasa a escaiola. Tras un primeiro paso polo forno, dáselle a primeira man de pintura. Finalmente, será o segundo momento no forno o que dea lugar á figura definitiva.

O Ravachol de Sargadelos é o primeiro símbolo do Entroido pontevedrés que recrea a marca galega, pero non a única icona da cidade que xa ten a súa figura. Hai uns anos estreaban  a representación da igrexa da Peregrina, tamén en exclusiva.

De entrada, lanzouse unha tirada reducida desta exclusiva figura, que pode mercarse por 85 euros. Ademais, o Ravachol de Sargadelos forma parte dos agasallos que o concello de Pontevedra entrega nesta edición dos premios do Entroido.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí