PONTEVEDRA> O refuxio de animais de Pontevedra volve estar saturado. Estes días, Os Palleiros anunciaba a decisión de suspender a recollida de cans abandonados ata conseguir aliviar a situación das instalacións de Campañó. As pelexas rexistradas ultimamente empurraron á directiva da asociación a tomar esta determinación. Agora fan un chamamento na procura de adopcións.
En refuxios coma este, dos Palleiros en Pontevedra, póñenlle cara ao abandono. Os cans que chegan a eles deixan de ser cifras para converterse en Muska, Vane ou Martín, e mudan a rúa polas instalacións da protectora.
Aquí traballan a diario contra a irresponsabilidade humana, pero moitas veces non dan abasto. Por iso estes días tiveron que facer saltar as alarmas: non hai sitio para recoller máis cans.
Agora mesmo son 137 habitantes nun refuxio con capacidade teórica para 150. Pero no día a día os cans volven demostrar que non son cifras: caracteres diferentes ou as necesidades específicas dalgúns, fan que sexa imposible acadar esa cifra. Orvallo, Facu e Buba foron os últimos en sufrir os efectos da saturación.
Os cachorros e os cans pequenos son, normalmente, os máis demandados pola xente, pero as contas non cadran: no que levamos de 2020, entraron 32 e houbo 28 adopcións. Por iso piden casas de acollida e, sobre todo, adopcións responsables.