O PP de Poio acusa ao goberno local de pagar por obter “likes”

POIO> Unha publicación no Facebook do Concello de Poio levanta as críticas do PP. Os populares acusan ao goberno municipal de pagar por obter máis “me gusta” na súa páxina oficial. En concreto, nun post no que se anunciaba a manifestación da sanidade pública do pasado 9 de febreiro. Tras este feito, Ángel Moldes solicita ao Concello un informe coa actividade das redes sociais institucionais.

572 “likes”. Esa é a cantidade de reaccións positivas que conseguiu o Concello de Poio con esta publicación. Un post na súa páxina de Facebook no que se anunciaba a manifestación da sanidade pública do pasado 9 de febreiro. Unha cifra elevada que levantou as sospeitas do PP. O seu portavoz acusou esta mañá ao goberno local de pagar por obter maiores impactos con esta información.

Os populares aseguran que das 572 reaccións que obtivo esta publicación, o 95% corresponden a persoas de Papúa Nova Guinea. Un feito que, segundo o PP, mostra a falta de transparencia do goberno local.

Ángel Moldes compara este post con outra publicado días antes sobre o mesmo asunto. No primeiro, o goberno local soamente obtivo 15 reaccións positivas. Os populares piden explicacións e responsabilidades políticas ante este suceso.

O PP de Poio esixe ao goberno municipal que aclare cales son os perfís oficiais do Concello e que entregue un informe sobre a estrutura e a actividade das súas redes sociais.