O recuperado pleno do estado do municipio de Pontevedra convértese nun debate electoral

PONTEVEDRA> Pontevedra recuperou hoxe o seu pleno sobre o estado do municipio. Pero a 61 días das eleccións municipais o debate tivo un marcado ton electoral. Durante case dúas horas, o alcalde e os voceiros dos partidos da corporación foron tomando a palabra para intervir cunha mestura de balance e acusacións cruzadas.

Quince anos despois, Pontevedra recuperou hoxe o pleno sobre o estado do municipio. Pero a 61 días das eleccións municipais o debate tivo un marcado tinte electoral. Nas súas intervencións, Miguel Anxo Fernández Lores repasou as actuacións realizadas nos últimos catro anos e acusou á oposición de non ter propostas para a cidade.

Dende o Partido Socalista, Iván Puentes fixo tamén balance dos proxectos levados adiante dende as concellerías do seu partido. Asegurou que nestes catro anos PSOE e BNG foron quen de dar a Pontevedra un goberno estable e criticou as promesas incumpridas da Xunta.

Pola súa banda, o líder do Partido Popular ofreceu un discurso diametralmente oposto: aproveitou as súas intervencións para criticar proxectos e políticas do goberno bipartito. A suciedade das rúas, a falta de seguridade cidadá, o abandono dos barrios e das parroquias ou os impostos elevados, foron algúns dos puntos nos que se detivo Rafa Domínguez.

Á sesión asistiu un grupo de representantes dos traballadores do concello de Pontevedra, cos que o goberno local mantén un conflito laboral aberto dende hai tempo. En varias ocasións interromperon as intervencións do alcalde e dos voceiros de BNG e PSOE pero non foi preciso desaloxalos do teatro.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí