GALICIA> Galicia segue avanzando na desescalada, coa ampliación xeralizada das capacidades en hostalería ou eventos. Nos bares e restaurantes, as terrazas poderán ocuparse ao 100%, sempre que se respecte a distancia de metro e medio entre mesas. Avanzouno hoxe o presidente da Xunta, nunha comparecencia na que tamén ratificou que a súa intención é que o ocio nocturno reabra o vindeiro 1 de xullo.
Galicia dá un paso máis no camiño cara a nova normalidade. O presidente da Xunta anunciou hoxe unha ampliación xeralizada das capacidades en espazos e tamén para eventos. No caso da hostalería, o interior manterase no 50%, pero amplíase ata o 100% o uso das terrazas. As medidas entrarán en vigor na medianoite deste sábado.
O presidente da Xunta tamén indicou que a intención é que reabra o ocio nocturno a partir do 1 de xullo.
Sobre o uso da máscara a partir deste sábado, unha vez deixe de ser obrigatoria no exterior, Alberto Núñez Feijóo avanzou esta mañá a que será a postura galega no Consello Interterritorial: no interior máscara e distancia e no exterior, sempre distancia.
Malia o alivio das restricións, Feijóo insiste na necesidade de manter tódalas precaucións porque o virus -lembra- segue entre nós. Fai un chamamento en especial á mocidade. E di que toca empezar a ser responsables, comezando nesta mesma noite de San Xoán.