CUNTIS> Non fai falta que llelo conte eu: vaia frío que está facendo en toda a nosa contorna. En moitos concellos os termómetros quedaron esta pasada noite conxelados, acadando os 0 graos ou incluso temperaturas negativas, mesmo ó lado do mar. A pesar do sol, a friaxe non pilla a ninguén por sorpresa. En Cuntis, por exemplo, mentres os veciños non saen da beira da lareira ou da estufa, Protección Civil leva días repartindo sal polos camiños e estradas para evitar sustos.
Vendo o que brillaba o sol esta mañá en Cuntis, quen nos diría que na realidade o protagonista é o frío. A localidade apenas rexistraba ás 12 deste mediodía 5 graos. Pola noite, na vila estiveron acariñando os 0. Os veciños aseguran levalo ben.
Pero as baixas temperaturas supoñen tamén un desafío para os Membros de Protección Civil. Neste concello levan días esparexendo sal por estradas e camiños, para previr accidentes.
A prioridade, segundo nos explica Miguel, é garanti-la mobilidade dos veciños sen ningún tipo de risco e, por suposto, do transporte escolar.
Con estas baixas temperaturas, os condutores deben extrema-las precaucións non só de madrugada. Hai puntos da rede viaria en sombra nos que as placas de xeo mantéñense intactas ó longo de toda a xornada.
Así que con este frío, e moito máis aínda en plena pandemia, o mellor é quedar na casa ó quentiño.
Na nosa contorna, os mercurios caeron a pasada noite ata o grao negativo na cidade de Pontevedra ou no Concello de Boiro, ata os -0.8 en Meis ou os -0.7 en Caldas. A previsión di que as baixas temperaturas han continuar na xornada de mañá, cun progresivo aumento a medida que se vaia achegando a fin de semana.