Conde reclama aclaracións nas novas restricións para dar seguridade xurídica ao tecido empresarial

GALICIA> Trasladar seguridade xurídica ao tecido empresarial e aos autónomos galegos nestes momentos de crise. Esta é a prioridade da Xunta de Galicia. O Conselleiro de Economía mantivo hoxe unha videoconferencia con representantes da Confederación de Empresarios de Galicia e de confederacións provinciais, na que lles informou da carta que o goberno mandou ao Ministerio de Industria para aclarar as dúbidas sobre as restricións do novo Real Decreto que afonda nas restricións do Estado de Alarma.

Conde tamén lles trasladou que xa está en marcha a plataforma Market Place, que coordinará e canalizará a demanda de equipos de protección e a oferta do tecido empresarial galego. O obxectivo é posibilitar que o sector público acade o material que precisa coa calidade esixida, mentres os produtores xestionan directamente os acordos de compra e venda.

Ademais, na videoconferencia abordaron as medidas postas en marcha pola Xunta para inxectar liquidez inmediata a pemes e autónomos. Unha delas é a liña de financiamento que lles vai permitir acceder a préstamos de ata 200 mil euros para cubrir gastos correntes, facturas ou pago de salarios ou de alugueiros, e que vai mobilizar 250 millóns de euros en todo o tecido empresarial galego. A Xunta bonificará o 100% dos xuros. Esta medida compleméntase co aprazamento das cotas de amortización e xuros dos préstamos formalizados coa Xunta a través do Igape e XesGalicia.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí