BATA recomenda tranquilidade e rutina para facilitar o confinamento ás persoas con autismo

VILAGARCÍA> A pandemia do COVID-19 deulle a volta ao noso mundo. Levamos máis de dúas semanas de illamento nas nosas casas; un tempo no que as rutinas que tiñamos pouco teñen que ver agora mesmo co noso día a día. Unha situación que pode ser complicada para as persoas con Trastorno do Espectro Autista. Hoxe conmemórase o Día Mundial do Autismo. Nós falamos coa Asociación Autismo BATA, de Vilagarcía.

A Asociación Autismo BATA traballa para apoiar ás familias dos seus usuarios nestes momentos de incerteza. A clave, aseguran, manter a tranquilidade.

O traballo de colectivos como BATA a través de Autismo España foi fundamental trala declaración do Estado de Alarma. O Real Decreto do 14 de marzo non contemplaba as necesidades específicas das persoas con trastorno autista, que se viron afectadas tamén pola prohibición de saír á rúa.

O 20 de marzo o BOE publicou unha instrución do Ministerio de Sanidade que autorizaba a estas persoas a saír á rúa acompañados.

Cuberta a parte oficial, moitos familiares de persoas con autismo denunciaron que os increpaban cando os vían na rúa. Por iso puxéronse en marcha campañas que suxerían que foran identificadas cun lazo azul. Opción que dende BATA rexeitan.

Nas redes sociais e na súa páxina web, BATA ofrece todo tipo de contidos e aplicacións para que sirvan como ferramentas ás familias para xestionar o tempo libre e levar mellor o confinamento. Tamén filtran e recompilan a información que lles poida afectar.

Campaña polo Día Mundial do Autismo

Nas redes sociais de BATA tamén se pode seguir e coñecer a nova campaña posta en marcha co gallo do Día Mundial do Autismo. “Podo aprender, podo traballar” é o lema que este ano leva a súa reclamación.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí