Dous drons axudan a vixiar o cumprimento do confinamento en Cambados

CAMBADOS> Cambados tamén vixiará o cumprimento do Estado de Alarma dende o aire. Dous drons axudarán á Policía Local a patrullar as vilas, comprobando que os veciños cumpren coas medidas de illamento derivadas da alerta sanitaria polo coronavirus. Durante os 18 días que levamos de restricións, os axentes denunciaron 21 persoas no concello por incumprilas.

Dous drons xa patrullan dende o aire as rúas e parroquias de Cambados. Estas naves son os novos ollos da Policía Local da vila, que lles permitirán reforzar o control do cumprimento das medidas de illamento decretadas polo Estado de Alarma.

Dende o concello insisten: o seu obxectivo non é sancionar. Por iso pretenden que os drons teñan un efecto disuasorio entre a poboación que non está a quedar na casa. Sobre todo nas zonas máis afastadas do casco urbano.

A iniciativa está posta en marcha pola Concellería de Seguridade Cidadá e a empresa Mydronefactory, que actúa de xeito altruísta.

Nos dezaoito días que levamos baixo as restricións do Estado de Alarma, a Policía Local cambadesa interpuxo un total de 21 denuncias a persoas que incumpriron as medidas de illamento.