#Nonnoscanceles, a chamada de auxilio da cultura galega

PONTEVEDRA> A cultura galega lanzou a través das redes sociais un novo movemento. Baixo o lema “Non nos canceles”, o sector fai un chamamento a toda a sociedade para evitar que se suspendan máis actividades. Unha iniciativa da que xa forman parte a actriz Bea Campos, o FICBueu ou a Sala Karma de Pontevedra.

#Nonnoscanceles. Baixo este cancelo, a cultura galega fai un chamamento a todas as administracións e empresas para evitar que se sigan suspendendo eventos na nosa comunidade. Os traballadores e artistas deste sector piden que se busquen novas datas para celebrar as actuacións xa que as consecuencias económicas no caso de cancelalas, serían inmensas. Unha iniciativa á que xa se sumou, o xerente da Sala Karma de Pontevedra.

O sector cultural é un dos máis afectados por esta crise do coronavirus. Sobre todo polas preguntas que están aínda sen resolver. Ninguén sabe cando volverán a abrir as súas portas ou cando poderán volver a subirse ao escenario. Unhas preguntas que xeran incerteza entre os traballadores e os empresarios. En canto ao futuro da Sala Karma de Pontevedra, Marcos Rivas asegura que é moi negro.

Marcos Rivas é promotor de diferentes actividades culturais na cidade. Eventos como o Galegote Rock ou o Surfing The Lérez. O primeiro está xa cancelado e, en canto ao segundo, Rivas asegura que farán todo o posible para que se celebre e, ademais, tratarán de involucrar nel a todos os pontevedreses.

Porque cando esta crise remate que, sen dúbida, rematará, a cultura estará sempre ao noso carón para facernos gozar cos mellores libros, coas mellores películas, coas mellores exposicións ou coa mellor música.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí