Ribadumia quere que a súa Festa do Pan sexa de interese turístico galego

RIBADUMIA> Ribadumia quere que a súa Festa do Pan sexa de interese turístico galego. O concello presentaralle á Xunta unha proposta, que conta co apoio unánime do Pleno, para impulsa-lo evento gastronómico. O executivo conta con ter resolto o seu obxectivo xa no 2019.

Ribadumia quere converte-la súa Festa do Pan nun evento de interese turístico galego. Dende o concello salientan que a cita gastronómica conta con tódolos ingredientes para conseguir ese recoñecemento. Un deles é a súa orixe: a gran riqueza de muíños recuperados que hai na localidade é unha mostra do fondo vínculo que o mundo do pan ten con estas terras.

Outra das razóns é a sona que foi collendo o evento gastronómico que, segundo o rexedor, ano tras ano, vai gañando adeptos.

A intención de converte-la Festa do Pan nun evento de interese turístico galego conta co respaldo de tódolos grupos municipais. A proposta do executivo local foi xa ratificada en pleno por tódolos partidos. Unha vez superado ese paso, agora toca trasladarlle a petición á Xunta. Dende o Concello agardan que o executivo galego resolva antes da vindeira edición.

A Festa do Pan de Ribadumia leva ás súas costas xa 17 edicións.