GALICIA> Hoxe comezaron as primeiras probas do estudo epidemiolóxico do coronavirus, deseñado pola Xunta. A súa finalidade é coñece-las dimensións da pandemia e estuda-la súa evolución. Na primeira fase deste estudo vanse realizar probas a máis de 50.000 persoas, seleccionadas de forma aleatoria. Na cidade de Pontevedra faranse 2.700 mostras.
O SERGAS iniciou hoxe a primeira das dúas fases do estudo epidemiolóxico deseñado para coñecer cal é a situación e o desenvolvemento da pandemia do coronavirus.
A Consellería de Sanidade comezou hoxe a citar a cada unha das persoas seleccionadas para este estudo, de forma aleatoria. Foi o Instituto Galego de Estatística o que se encargou de determinar o tamaño dunha mostra coa que poder debuxar o mapa epidemiolóxico das catro provincias galegas. En total, nesta primeira fase tomaranse mostras a case 51.000 persoas, de tódalas comarcas do país. Na segunda fase, que se porá en marcha dentro de 4 semanas, faranse test a outros 50.000 galegos.
Na nosa contorna, a cidade de Pontevedra será o municipio onde se practiquen máis probas nestas dúas fases: a Xunta estima que na capital da provincia vanse tomar 2.700 mostras.
Con esta análise, a Consellería de Sanidade procurará un triplo obxectivo: estimar a prevalencia da inmunidade fronte ao Covid-19 nas diferentes localidades galegas, definir cal é a súa repercusión de acordo ás variables de sexo e idade, e, finalmente, monitorizar a evolución da epidemia durante o período de tempo en que se produza a recollida da información.
A citación ás probas realizarase mediante contacto telefónico con cada unha das persoas seleccionadas. Logo de facerlle unha pequena enquisa, concretarase unha cita para facer o test no seu centro de saúde.