O PP de Barro, preocupado pola ausencia das bandeiras no consistorio durante o estado de alarma

BARRO> Polémica en Barro, pero non pola crise do coronavirus. O PP denuncia que a Casa do Concello leva meses sen as bandeiras. Os populares presentaron xa un escrito na Subdelegación do Goberno e ameazan con recorrer á xustiza. O alcalde da localidade, entre tanto, réstalle importancia ó asunto. Di que as bandeiras retiráronse por estar moi deterioradas. Asegura que se van repoñer cando remate o estado de alarma.

A polémica en Barro non vén motivada pola xestión contra o coronavirus senón polas bandeiras da casa do concello. O PP denuncia que hai meses que non ondean na fachada do consistorio. O alcalde réstalle importancia ó asunto. Asegura que quedaron moi deterioradas tralos temporais do inverno e que, por iso, foron retiradas.

Pero ós populares este argumento non lles convence. Cren que o nacionalista está aproveitando o estado de alarma para desfacerse das bandeiras.

O exalcalde asegura que hai 4 anos Abraldes xa tentou eliminar do Consistorio as bandeiras, pero que finalmente a presión veciñal impediullo. Desta volta, os populares din que non pensan quedar calados. De momento, xa presentaron un escrito perante a Subdelegación do Goberno en Pontevedra.

Landin avanza que se o alcalde non repón as bandeiras, levarán o caso ante a xustiza. Un extremo, que non preocupa ó rexedor. Abraldes di que el e o seu equipo están nestes intres centrados na loita contra o coronavirus.

Uns esforzos que, para os populares deixan moito que desexar. Aseguran que o concello non está tomando medidas suficientes contra o COVID-19. Piden que se convoque  a xunta de voceiros, plenos e comisións de forma telemática para poder aprobar axudas urxentes para familias, autónomos e PEMES da localidade.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí