GALICIA> Novidades sobre as máscaras. O seu uso será obrigatorio na vía pública e en espazos pechados cando non se poida garantir a distancia mínima de seguridade entre as persoas. A medida foi acordada entre o Goberno central e as comunidades autónomas. Segundo avanzou hoxe o Ministro de Sanidade, a medida podería entrar en vigor a partir de mañá.
Aínda que moitos xa non saen da casa sen ela, como vemos nestas imaxes gravadas na cidade de Pontevedra, o uso da máscara pasará a ser obrigatorio na vía pública e en espazos pechados cando non se poida garantir o cumprimento da distancia mínima de seguridade entre persoas, fixada en dous metros.
A medida súmase ó uso xa obrigado da máscara no transporte público. Foi acordada a última hora de onte entre o goberno central e as comunidades autónomas.
Nos vindeiros días publicarase unha orde ministerial que regule o uso destes elementos de protección na vía pública.
A medida, satisfai o criterio do goberno galego, que entendía que o seu uso non debera ser obrigado en todas as circunstancias.
Ante o anuncio desta medida, a Organización de Consumidores e Usuarios pídelle ó Ministerio de Consumo que se regulen os prezos máximos de todo tipo de máscaras, axudas para os usuarios máis vulnerables e que se garanta o abastecemento ás farmacias.