O BNG quere poñer en marcha unha axenda urbana baseada no modelo de cidade de Pontevedra

PONTEVEDRA> O BNG quere crear unha axenda galega baseada na sustentabilidade e na transformación dos espazos urbanos. Así o anunciou esta mañá a súa portavoz nacional, Ana Pontón, nunha visita a Pontevedra.

O BNG aposta polo medio ambiente e por poñer en valor os espazos urbanos. Coa vista posta xa nas vindeiras eleccións autonómicas, os nacionalistas anuncian que queren estender a toda a comunidade o modelo de cidade de Pontevedra.

Aproveitando o Día Internacional do Medio Ambiente, a portavoz nacional do BNG visitou esta mañá a Boa Vila. Tras un paseo pola cidade, Ana Pontón reflexionou sobre a importancia de apostar polo sostible e polos cambios nos modelos urbanos de cara ao futuro.

Co obxectivo de crear un modelo máis sostible e transformar as vilas e as cidades galegas, o BNG aposta por poñer en marcha a Axenda Urbana 2030.

Reducir a contaminación urbana, apostar pola reciclaxe e a redución dos residuos e crear cidades máis compactas nas que haxa unha diminución do consumo de enerxía. Esas son as metas que se marcan os nacionalistas de cara ao futuro inmediato da nosa comunidade.