Rafa Domínguez: ‘Se a prórroga de ENCE estivera ben feita non habería recurso e non habería sentenza’

PONTEVEDRA> A situación de ENCE e os reproches entre administracións continúan a marcar a axenda política pontevedresa. Hoxe o voceiro municipal do Partido Popular recoñecía que a prórroga concedida polo goberno de Mariano Rajoy á pasteira estivera mal dada. Tamén ve aparentes contradicións nas declaracións do presidente da Xunta de Galicia sobre a existencia de terreos para outra pasteira en Galicia pero non para o tralado de ENCE. Así as cousas, Rafa Domínguez continúa a culpar directamente ao concello de Pontevedra de destruír os postos de traballo.

A prórroga concedida polo goberno en funcións de Mariano Rajoy a ENCE para continuar ata o 2073 en Lourizán estivo mal dada. Así o recoñeceu esta mañá o voceiro do Partido Popular en Pontevedra.

É a primeira vez que dende as filas do Partido Popular se cuestiona esta xestión do goberno de Rajoy. Iso si, Rafa Domínguez continúa responsabilizando ao concello de Pontevedra da destrución dos postos de traballo.

Tamén se pronunciou sobre as declaracións que fixo o presidente da Xunta a semana pasada. Recordemos que Alberto Núñez Feijóo asegurou que en Galicia hai terreos para unha segunda pasteira e, ao mesmo tempo, nega que exista unha localización alternativa para ENCE.

Así as cousas, Domínguez insistiu na tese que defenden tanto dende a Xunta de Galicia como dende a propia ENCE: é necesario buscar unha solución político-xurídica que permita que a factoría continúe en Lourizán. Algo que o vernes descartou o Secretario de Estado de Medio Ambiente, Hugo Morán, na reunión da mesa de diálogo sobre o futuro da pasteira.