PONTEVEDRA> En Pontevedra, o Partido Socialista aposta por manter os usos sanitarios do Hospital Provincial. O seu candidato, Iván Puentes, defende que a Escola de Enfermaría podería manterse no Hospital como está na actualidade. Pola contra, considera que a residencia estudantil proposta polo Partido Popular debería situarse no antigo asilo de Loureiro Crespo.
Que o Hospital Provincial de Pontevedra manteña o uso sociosanitario. Esta é unha das posturas que o Partido Socialista defende no seu programa electoral de cara as eleccións do 28 de maio.
O alcaldable socialista é partidiario de manter nestas instalacións a futura Facultade de Enfermaría da Universidade de Vigo. Non así de converter o Provincial nunha residencia universitaria, como propuxera o candidato popular Rafa Domínguez.
O Partido Socialista de Pontevedra presentou hoxe as súas propostas en materia sanitaria. Entre outras cuestións, defenden a creación dunha Unidade de Atención Temperá Municipal e a posta en marcha dunha Escola Municipal de Educación para a Saúde. Tamén reclaman que o aparcadoiro do Gran Montecelo sexa gratuítto e público.
A activación dun Instituto Municipal da Saúde que coordine as competencias do concello en materia de saúde pública, a elaboración dun Programa de Atención Integral á Discapacidade, ou reclamar á Xunta o incremento dos recursos destinados á saúde mental, son outros dos postulados socialistas.