Ribadumia abre boca para a Festa do Tinto coa súa segunda ruta de tapas

RIBADUMIA> Ribadumia volve apostar polo tapeo para ir abrindo boca para a Festa do Tinto. O concello xunto coa hostalería local organizan a segunda edición do concurso de tapas, unha iniciativa creada o ano pasado e que resultou todo un éxito. Preto dunha decena de locais participan nesta cita, que se vai celebrar 16 ao 19 de maio.

Coa vista posta na Festa do Tinto, Ribadumia lanza a segunda edición do seu concurso de tapas. Un evento que se vai celebrar os días 16, 17, 18 e 19 deste mes e que serve de antesala para a festa que se celebrará entre o día 30 e o 2 de xuño.

Os hostaleiros ribadumienses están encantados con esta iniciativa. Din que non agardaban o éxito acadado na súa primeira edición o ano pasado. Agardan, pois, repetilo e se cadra conseguir que se achegue aínda máis xente aos locais.

En total participan sete establecementos, que ofrecerán petiscos do máis variado. Hoxe na presentación xa nos amosaron dúas das propostas que poderemos degustar.

Entre as tapas canditas elixirase unha gañadora. O 50% da votación dependerá dun xurado experto, a outra metade do público que complete a ruta e valore todos os petiscos. Entre eles, sortearanse dúas entradas para o xantar de confraternidade da Festa do Tinto do vindeiro 1 de xuño.