O Dinamo de Zagreb ou o Milan, entre os equipos estrela da edición deste ano do Arousa Fútbol 7

RIBADUMIA>  Todo listo en Ribadumia para o Arousa Fútbol 7. O torneo vaise celebrar entre o 17 e 19 de maio, coa visita de equipos galegos, españois e internacionais de primeiro nivel. En total, sete nacionalidades e seis campeóns de Europa asistirán á cita. Entre eles o Dinamo de Zagreb ou o Milan. Por suposto, tamén estarán presentes o Celta, o Rácing de Ferrol ou o Deportivo da Coruña.

O exxogador do Celta, Sergio Álvarez, volveu actuar hoxe como padriño de honra dunha nova edición do Arousa Fútbol 7. O torneo acada este ano a súa vixéximo sétima edición. Vaise disputar nas instalacións da Senra, en Ribadumia, entre o 17 e 19 de maio.

O alcalde sinala tamén o impacto económico que ten esta cita deportiva no municipio e tamén no resto da comarca. E é que o Arousa Fútbol 7 labrou a pulso edición tras edición chegar a onde está.

A Deputación de Pontevedra, por certo, comprométese e manter e mesmo mellorar a súa colaboración económica para as vindeiras edicións. Tamén todo o apoio e rocoñecemento a esta cita por parte da Federación Galega de Fútbol.

No aspecto deportivo, a organización cualifica esta edición de ‘insuperable’.

Poñen o foco nos equipos internacionais de primeiro nivel que van participar que, xunto cos españois e galegos, fan deste torneo unha cita imprescindible.

A competición arrancará o vindeiro venres 17. Pero o día antes xa desembarcarán en Ribadumia tódolos conxuntos, nunha xornada previa que servirá para celebrar os derradeiros adestramentos e tomar contacto co terreo de xogo.