PONTEVEDRA> A economía circular e os pequenos comercios e negocios de Pontevedra e dos seus arredores que apostan por ela serán os protagonistas da nova iniciativa impulsada dende o concello. Este sábado celébrase o Feirón PO2, unha actividade que encherá de roupa e produtos recuperados a rúa Virxe do Camiño. Seu lema: “O que menos contamina é o que non se tira”.
Pontevedra aposta polo impulso da economía circular. Este sábado celébrase a primeira edición de O Feirón PO2, co lema ‘O que non se tira é o que menos contamina’.
O Feirón PO2 busca promover este cambio de hábitos e, ao tempo, apoiar as iniciativas que apostan por esta filosofía. Na rúa Virxe do Camiño estarán co seu stand negocios dedicados á reparación de electrodomésticos, a dar unha segunda vida a diferentes materiais en forma de bolsas e mochilas ou á venda e produción de roupa de segunda man. É o caso de Culebra Studio, un comercio pontevedrés que aposta tamén polo ‘upcycling’.
Ademais dos postos dos comercios haberá tamén obradoiros para diferentes públicos. Faranse bolsas de tea, instrumentos musicais de refugallo e xabróns.
O Feirón PO2 desenvolverase entre as 11 da mañá e as 3 da tarde do sábado. Tamén haberá música a cargo de Cora Velasco e DJ Malaguita.