Sanitarios e pacientes volven protestar pola falla de médicos no centro de saúde de Ribeira

RIBEIRA> Ante a persistencia da falla de médicos no centro de saúde de Ribeira, a plataforma pola Sanidade Pública do Barbanza convocou unha protesta este mediodía ás portas das instalacións. Ademais da concentración, recolléronse reclamacións individuais de pacientes afectados polos atrasos na asistencia sanitaria.

Non se trata dun problema puntual senón que a escaseza de médicos no centro de saúde de Ribeira mantense dende hai meses, e mesmo se agravou trala última OPE convocada polo SERGAS na que non se cubriron as dúas prazas ofertadas e propiciou o traslado de dous facultativos a outros destinos.

Lonxe de ter visos de mellorar, a previsión a menos dun ano é dun mínimo de 6 xubilacións sen garantía de que se volvan cubrir esas prazas como veu acontecendo nos últimos meses. O problema trasládase tamén á atención en urxencias con tan só un médico na quenda de noite.

Esta saturación na atención primaria, con esperas de ata 15 días, repercute tamén nas listas de agarda para ter consulta cun especialista.

A plataforma en defensa da Sanidade Público do Barbanza trasladará as reclamacións individuais á xerencia da área sanitaria para poñer en evidencia a saturación do centro de saúde de Ribeira, ó borde do colapso.