Mantéñense os nove positivos polo brote de Covid-19 en Barbanza

BARBANZA> Saltan as alarmas en Barbanza. O SERGAS detectou esta fin de semana un brote de Covid-19 na comarca cun total de nove positivos: oito en Ribeira e un na Pobra do Caramiñal. Segundo informaron fontes da consellería de Sanidade, a orixe do foco podería atoparse nun caso importado dende o Brasil.

A volta á normalidade en Galicia deixa o primeiro rebrote por Covid-19 en Barbanza. Segundo informou o Servizo Galego de Saúde foron un total de nove positivos: oito en Ribeira e un na Pobra do Caramiñal. Tódolos infectados, que non precisaron atención hospitalaria, están illados e controlados nos seus domicilios.

Tódolos pacientes que deron positivo despois das probas realizadas estiveron en contacto co primeiro dos infectados, ó parecer un veciño da comarca que regresara do Brasil a través de Lisboa.

Ademais destes nove positivos, durante estes días realizáronse tamén probas PCR a outras 74 persoas máis. Todos deron resultado negativo, ainda que outras oito están pendentes dos resultados definitivos. Segundo informaron fontes de Sanidade todas elas seguen baixo vixilancia. Ó parecer todos pertencen ó círculo familiar e de amizade da familia en que se rexistrou o primeiro dos casos.

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, referiuse tamén esta mañá en Porto do Son a este rebrote de Covid-19 en Barbanza. Segundo el este foco vén a mostrar que non se debe baixar a garda, facendo unha chamada de atención á poboación a extremar as precaucións, e cumprir as normas hixiénico-sanitarias impostas, para tratar de minorizar estes riscos.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí