PORTO DO SON> A medida, que se levará a cabo nos areais da Ornanda, Coira, Agueiria e o Cruceiro, é posible grazas a unha liña de axudas de Vicepresidencia.
O Vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, achegouse esta mañá a Porto do Son para coñecer de primeira man o proxecto impulsado polo Concello que permitirá a posta en marcha de tres brigadas municipais que se encargarán do control da ocupacións nas praias do municipio. A achega, por un importe duns 23 mil euros, permitirá a contratación do persoal e o material necesario para poder realizar esta tarefa.
O vicepresidente da Xunta destacou a proposta do executivo sonense que se acolleu a esta convocatoria de axudas para a mellora das súas infraestruturas turísticas.
Ademais de Porto do Son tamén se beneficiarán desta liña de axudas concellos coma Boiro, onde se adecuará un espazo destinado a estacionamento de vehículos na praia de Barraña; Ribeira, coa mellora da accesibilidade ó mirador da Pedra da Rá; Noia, coa substitución do sistema de alumeado público ornamental da igrexa de San Martiño; Outes, coa sinalización turística dos recursos naturais e patrimonias; ou Muros que investirá esta achega na mellora da accesibilidade á praia de Ventín, en Abelleira. Proxectos todos eles que no seu conxunto suman máis de 175 mil euros.