Triángulo de Amor Bizarro pechou o ciclo ‘Paisaxes Sonoras’

BOIRO> A praia da Pesqueira, en Cabo de Cruz, foi este sábado o escenario elixido para acoller o concerto do grupo ‘Triángulo de Amor Bizarro’. A actuación formaba parte do ciclo promovido pola mancomunidade Barbanza-Arousa.

Foron apenas 50 privilexiados. As entradas esgotáronse en poucas horas. Nun marco incomparable como é a praia da Pesqueira, e a pesar das restricións impostas a consecuencia da covid, puideron disfrutar dun concerto de Triángulo de Amor Bizarro, case en exclusiva.

A banda boirense xogaba na casa, e iso notouse dende que as primeiras notas comezaron a soar. Con trece anos de traxectoria xa, o grupo de indie rock fixo un percorrido polos temas principais da súa discografía, incluindo ‘Salve Discordia’, o álbum que significou a súa consolidación definitiva no panorama musical mundial.

O concerto serviu tamén de presentación de ‘Ruptura’, o primeiro adianto do seu novo traballo discográfico do mesmo nome, lanzado en pleno confinamento. Non deixaron indiferente a ninguén co seu personal e potente directo.

O concerto significou ademais o peche do ciclo ‘Paisaxes Sonoras’ da mancomunidade Barbanza-Arousa.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí