Cultura e tradición volverán encher o Pazo de Goiáns na Romaría das Letras Galegas

BOIRO> O Pazo de Goiáns volverá acoller este 17 de maio a Romaría das Letras. Da man da asociación cultural Barbantia e o concello de Boiro, desenvolverase un amplo programa cultural durante toda a xornada que xirá ó redor da tradición oral das cantareiras.

A Romaría das Letras dará comezo o sábado 17 de maio ás once e media da mañá no Pazo de Goiáns. Ademais dos numerosos colectivos que exporán as súas creacións na feira artesá e loteraria, haberá durante toda a xornada obradoiros, espectáculos e actividades para poñer en valor a nosa tradición.

Comezarán a mediodía coa actuación de varios grupos de cantareiras que darán paso ó xantar popular. Pola tarde terá lugar o acto institucional con varias presentacións literarias.

A continuación desenvolverase unha visita teatralizada ó Pazo con Marta Ríos de Talía Teatro. A  xornada rematará cunha exhibición de baile galego e o concerto de Carmela e Nunca é tarde.

Dende o concello animan ós veciños a participar na romaría ataviados con traxes tradicionais galegos.