O Boiro recibirá ó Mallorca na eliminatoria da Copa do Rei

BOIRO> O Club Deportivo Boiro recibirá ó Mallorca en Barraña o próximo un de novembro. Esta mañá celebrábase o sorteo para decidir o rival na fase eliminatoria. Xogadores e afeccionados  seguiron en directo o sorteo no centro social.

Con moitísima emoción. Así se viviu en Boiro o sorteo das eliminatorias para a Copa do Rei. Congregados no centro social da localidade, directivos, xogadores e afeccionados tiveron que agardar ata o último momento para coñecer o nome do seu rival posto que a bola dos boirenses foi a última en saír.

Este era o momento en que coñecían que será o Mallorca F. C. con que sen enfronten. Aínda que non era a súa primeira opción posto que preferían recibir a outros equipos como o Betis, o Sevilla, a Real Sociedade ou o Atleti de Bilbao, os boirenses amosáronse igualmente satisfeitos e con idea de non poñerlle as cousas doadas ó conxunto mallorquín.

Á espera de obter o visto bo da Federación Española de Fútbol, posto que quedan aínda pendentes algúns requisitos, a intención é que o partido se dispute en Barraña o próximo un de novembro.

Aínda que a capacidade do campo é de 1200 prevese aumentar ata os 2000 para dar cabida a maior número de afeccionados que non queren perder este fito histórico no que por primeira vez o Boiro, tras 57 anos de historia, recibirá un equipo de primeira división.

Sexa cal sexa o resultado, este encontro xa supón un premio para a afección e os patrocinadores que nunca deixaron de apoiar ó equipo local a pesar da mala racha e as dificultades económica que atravesou. Neste sentido, pretenden amortizar a inxección económica que supón este fito para sanear as contas do club.

 

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí