PONTEVEDRA> A Sociedade Deportiva Teucro pon en marcha a súa campaña de captación de socios. Este ano, o club pontevedrés apela aos valores de esforzo, loita e constancia que representaron ao conxunto azul nos seus 75 anos de vida. O obxectivo principal da directiva é superar os 900 asociados.
“Máis que balonmán”. Ese é o lema da nova campaña de socios da Sociedade Deportiva Teucro. O club pontevedrés celebra este ano os seu 75 aniversario facendo fincapé nos valores de esforzo, compañeirismo e constancia que representan ao equipo azul. Un equipo que precisa, máis ca nunca, da axuda de toda a veciñanza.
Na rolda de prensa, o concelleiro de Deportes quixo poñer en valor o traballo do Teucro ao longo dos seus 75 anos de vida. Un traballo co que conseguiron ser un referente en Pontevedra e a nivel nacional. Tino Fernández quixo resaltar que este ano o equipo azul se afronta a dous tipos de competicións: a primeira, nas pistas e, a segunda, a competición por sobrevivir.
O obxectivo deste ano é superar os 900 asociados e, para iso, o club pontevedrés decidiu baixar as cotas. Este ano os prezos van dende os 10 euros para os socios infantís ata os 150 na tarifa familiar.
A Sociedade Deportiva Teucro quere seguir facendo historia no balonmán español e para iso é fundamental que a familia azul continúe medrando.