PONTEVEDRA> O conselleiro de Medio Rural e o presidente do Consello Regulador da Denominación de Orixe Rías Baixas presentaron hoxe un novo plan de control de cara á vendima. Un protocolo no que 15 técnicos da Xunta supervisarán a calidade da uva das cinco denominacións vitivinícolas de Galicia. O plan contará cun investimento de 180.000 euros.
Garantir a máxima calidade dos viños galegos. Ese é o obxectivo principal do novo Plan de control da vendima. Un plan que foi presentado esta mañá en Pontevedra polo conselleiro de Medio Rural e o presidente do Consello Regulador da Denominación de Orixe Rías Baixas.
15 técnicos da Xunta serán os encargados de levar a cabo este plan de control da vendima nas cinco denominacións de orixe vitivinícolas de Galicia. O protocolo conta cun investimento de 180.000 euros.
En canto ás previsións da vendima, na actualidade xa están traballando nunhas 20 adegas da Denominación de Orixe Rías Baixas e o resto comezará o próximo luns. Este ano, espérase unha boa colleita tanto na cantidade como na calidade.
Co obxectivo de garantir a maior seguridade de todos os axentes implicados na vendima, a Xunta está a realizar test serolóxicos a todos os xornaleiros. Das 1.500 probas efectuadas ata o de agora, soamente 7 deron positivo.