O CEIP Magariños reclama unha terceira aula en sexto para cumprir coa distancia de seguridade

CAMBADOS> O vindeiro día 10 os rapaces volven ao cole, pero nos centros educativos aínda están intentando encaixar as pezas para cumprir cos protocolos anticovid. No colexio Antonio Magariños, de Cambados, reclámase unha terceira aula para sexto de primaria. A comunidade educativa denuncia que as dúas existentes contan con 24 e 25 alumnos, o que fai imposible o cumprimento das distancias de seguridade. Pediron un profesor máis á Consellería de Educación, que lles foi denegado.

A comunidade educativa do colexio Antonio Magariños comezou hoxe as mobilizacións. Reclaman a creación dunha nova aula para o curso de sexto de primaria. As dúas que hai na actualidade cumpren os ratios da Xunta, fixados en 25 alumnos por clase, pero os pais aseguran que é imposible cumprir a distancia de seguridade sanitaria.

Defenden que espazos como a aula de música ou a biblioteca poderían converterse en clase para acoller este desdobre. Pero hai uns días Educación denegoulles o reforzo que pedían no profesorado para poder facelo.

Están convencidos de que a creación dunha terceira clase para o curso de sexto permitiría o cumprimento do protocolo anticovid determinado pola Xunta de Galicia.

Na mobilización de hoxe estiveron respaldados polo goberno bipartito PSOE-Somos Cambados, polo concelleiro do BNG Víctor Caamaño e pola deputada nacionalista no Parlamento Galego, Montse Prado.