Desartellados dous puntos de venda de droga en Ribeira

RIBEIRA> A Policía Nacional desartellou dous puntos de venda de droga en Ribeira. Esta operación saldouse coa detención de dúas persoas ás que lle foron intervidas diversas substancias estupefacientes.

Na primeira, os axentes identificaron a un veciño da localidade de cincuenta e cinco anos que portaba unha vintena de bolsas termoseladas que contiñan ó redor de catorce gramos de cocaína así como varias carteiras con cincuenta e dous gramos de haxix, diñeiro en efectivo e un teléfono móbil.

O segundo dos dispositivos desenvolveuse nunha zona onde a policía tiña coñecemento de que se estaba a traficar con droga. Tralas investigacións oportunas localizaron e identificaron a outro ribeirense, de vinte e tres anos. No rexistro incautáronse de varios anacos de haxix dispostos para a súa venda, que sumaban uns catorce gramos, cento setenta euros en efectivo e un teléfono móbil.

Os dous detidos, que contan con antecedentes policiais por feitos similares, foron postos a disposición do Xulgado de Garda de Ribeira. Tras estas dúas operacións, a policía dá por desartellados dous puntos de venda de estupefacientes na capital barbanzá.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí