O executivo boirense proxecta a construción dun segundo parque empresarial

BOIRO> O novo polígono estaría situado na zona de Vista Alegre, a escasos metros da Autovía do Barbanza. Disporía dunha superficie urbanizable de máis de 340 mil metros cadrados e viría a resolver os problemas de falla de chan industrial no municipio.

Tratar de dar resposta á falla de chan industrial no municipio é unha das principais prioridades do executivo boirense. O único polígono existente no municipio, o de Espiñeira, tanto na primeira fase como nunha posterior ampliación, conta con toda a súa superficie vendida. De aí a necesidade de traballar nun novo proxecto que resolvera a falla de espazo para o asentamento empresarial no municipio.

O novo polígono está proxectado na zona de Vista Alegre, na súa maioría en terreos comunais, ben comunicado, a carón da autovía do Barbanza. Constaría dunha superficie total de máis de 340 mil metros cadrados que incluirían  espazo industrial, zonas verdes e outros equipamentos.

O Concello é sabedor das enormes dificultades para levalo adiante, debido fundamentalmente á actual conxuntura económica, xa que precisaría dun alto investimento. De aí que valore a posibilidade de ir desenvolvéndoo por fases.

O goberno boirense traballa arreo para que o proxecto sexa unha realidade o máis axiña posible. A proposta unha vez avaliada polos técnicos, seralle trasladada nos próximos días ó sector empresarial da localidade para coñecer a súa postura ó respecto, para posteriormente ir á procura de financiamento para poder levalo adiante.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí