Grito desesperado dos rapaces pontevedreses: “Queremos entrenar”

PONTEVEDRA> “Quero volver a xogar ao fútbol”, ese é o grito de centos de nenos e nenas de Pontevedra que levan dende o mes de marzo sen poder adestrar. O Concello soamente permite facelo naqueles deportes onde haxa un plan de competición, algo que non acontece no fútbol base. As familias séntense discriminadas e esquecidas polo goberno local.

Os rapaces pontevedreses levan dende marzo sen pisar un campo de fútbol. A pandemia obrigoulles a deixar de lado o seu deporte favorito. Así e todo, todos eles agardaban volver a tocar o balón cando rematase o confinamento pero o Concello de Pontevedra decidiu manter pechados os campos. Unha decisión que prexudica a centos de nenos e nenas da cidade.

O Concello de Pontevedra soamente puxo en marcha aqueles deportes nos que hai un plan competicional. Un feito que deixa nunha situación de incerteza e desigualdade a estes rapaces.

Nunhas declaracións en Radio Pontevedra, o edil Tino Fernández asegurou que reabrir os adestramentos do fútbol base era unha decisión “irresponsable e insensata” e asegurou que non ían a poñer en risco a saúde dos nenos porque algúns quixesen xogar unha “pachanga”. Unha comparación que sentou moi mal ás familias afectadas.

Os rapaces están desexando volver a xogar ao fútbol e non entenden por qué outros nenos si poden seguir practicando os seus deportes favoritos.

As familias afectadas aseguran que non pararán ata conseguir o seu obxectivo, que os nenos e nenas de Pontevedra poidan volver a practicar a súa paixón.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí