CCOO e UXT anuncian mobilizacións pola situación que viven os traballadores de Bergé Marítima

PONTEVEDRA> Comisións Obreiras e UXT denunciaron hoxe a situación que están a vivir os traballadores de Bergé Marítima, unha empresa auxiliar de Ence. Estes sindicatos reclamaron un novo convenio no que se estableza, por exemplo, un cuadrante das quendas de traballo.

Tras meses de negociacións e, ante o desacordo mostrado por Bergé Marítima, CCOO e UXT convocaron hoxe unha rolda de prensa para esixir un novo convenio nesta empresa. Un documento no que se de resposta as demandas dos seus traballadores.

Os sindicatos quixeron deixar aparcadas as demandas de carácter salarial para centrarse unicamente nas sociais. Entre elas, os traballadores esixen un plus de perigosidade e piden que se lles retribúan os domingos e festivos traballados.

Bergé Marítima é unha empresa auxiliar de Ence que se encarga do movemento da madeira, cortizas e pasta de papel. Por iso, os sindicatos piden á pasteira de Lourizán que non mire cara outro lado.

Esta problemática afecta actualmente a uns 40 traballadores de Bergé Marítima. Co obxectivo de que a empresa tome medidas ante as súas demandas, os sindicatos convocaron para o vindeiro luns unha concentración. Será ás 11:00 horas diante de Ence.