Inmellorable xornada para poñer o peche á primeira volta

futbolsala250_231208.jpgSALNÉS > Os equipos do Salnés pecharon con boa nota a primeira volta, o Hermanos Barbeito retendo o liderato ante un complicado rival e o Grupo Junquera goleando a domicilio.

O Hermanos Barbeito rematou a primeira volta do mellor xeito posible, cunha victoria (5-3) ante un rival directo polo ascenso como o Superti Pontenova.

Os portonoveses tiveron o mando do encontro durante os corenta minutos aínda que lles faltou certa continuidade, que solventaron a base de actitude. O rival adicouse a defender e a tratar de saír ás contras.

Sería Pitu o que abriría o marcador no 8′; un minuto despois Bruno Ribeiro facía o segundo. A pouco para o descanso, un erro de concentración de Néstor propiciaba o gol do cadro lucense, que reducía vantaxes e metíase de cheo no partido.

Xa na segunda metade, a experiencia e o saber estar do Barbeito decantou a balanza do seu lado. Pedro, dúas veces, e Pibe, aumentaron as diferencias que ó final maquillarían os visitantes.

Agora terán vinte días de merecido descanso, ata o 10 de xaneiro cando volva a competición, nunha segunda volta que abrirán de novo ante un rival directo. O Esteo, situado na terceira posición da xeral trala derrota do Pontenova, visitará Baltar a sabendas de que xa foron quen de gañar ó Barbeito no primeiro partido de Liga. Os de Javi Santos, tentarán vingar esa derrota.

O Grupo Junquera pola súa banda vaise ó parón de Nadal con tres puntos máis no seu casilleiro tras vencer de xeito incontestable na cancha do Bueu. Os vilagarciáns dominaron por completo o encontro e xa mandaban ó descanso por 0-3.

Intentárono os locais na segunda metade pero a maior calidade do Junquera impúxose para asinar o 1-7 final. Fran e Marcos fixeron dobrete; Angel, Oscarín e Gelabert completaron a goleada.

O conxunto de Juancar termina esta primeira fase da liga sexto na xeral, na parte alta, e visitará a volta de vacacións ó Fisterra, que o persegue dende a séptima posición.

Redacción Salnés