A Xunta entrega os premios das Catas de Viños de Galicia da DO Rías Baixas

PONTEVEDRA> A Xunta de Galicia entregou hoxe os premios das Catas de Galicia correspondentes á DO Rías Baixas. En total, este ano participaron 116 mostras pertencentes a 46 adegas inscritas a este selo de calidade.

O Pazo de Mugartegui acolleu hoxe a entrega dos premios da XXXII edición da Cata de Viños de Galicia na DO Rías Baixas. Na categoría de DO Rías Baixas entregáronse tres galardóns. O Acio de bronce branco foi para Davila, de Adegas Valmiñor; o Acio de prata para Noelia Babelia, da Adega San Salvador de Soutomaior; e o Acio de ouro a Davide de Enoturismo Acha.

Na categoría de Viños de Colleiteiro e Pequenas Adegas, o Acio de ouro branco foi para Lagar da Cachada de Ricardo Abal Padín. Por outro lado, Vicios, da Viña Almirante, foi o galardoado co Acio de prata branco dentro dos Viños de Elaboracións con Madeira.

En último lugar, Terra de Asorei levouse o Acio de bronce branco na categoría de Viños de Colleitas Anteriores e Gundian Albariño Brut, da Adega Valdés, o Acio de ouro en viños espumosos.

O presidente do Consello Regulador da Denominación de Orixe Rías Baixas quixo poñer en valor o traballo de todas estas adegas por conseguir uns viños dunha alta calidade.

A identidade do mellor viño branco e do mellor viño tinto da nosa comunidade neste ano 2020 darase a coñecer este xoves en Santiago de Compostela. Alí tamén se entregarán os Potes desta edición ás mellores augardentes e licores tradicionais. O evento terá lugar na Cidade da Cultura e poderá seguirse vía streaming.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí