PSOE e Avante Poio concorrerán xuntos ás eleccións para facerse fortes fronte ao ‘cambio de ciclo’ no concello

POIO> Partido Socialista e Avante Poio irán da man nas vindeiras eleccións municipais. Ambas formacións concorrerán xuntas cun proxecto que, aseguran, será forte e responsable. Tras meses de conversas, a proposta foi ratificada onte pola asemblea de Avante Poio. A candidatura estará encabezada polo socialista Gregorio Agís.

Novo movemento no escenario político de Poio. Hoxe Partido Socialista e Avante Poio anunciaron que irán da man nas vindeiras eleccións municipais.

Dende as filas socialistas, Gregorio Agís, que encabezará a candidatura, asegurou que foi sinxelo chegar ao acordo presentado esta mañá. Unha decisión coa que queren afrontar o que xa ven como un cambio de ciclo no concello.

Tras meses de conversas, a coalición foi avalada onte pola asemblea de Avante Poio. Segundo Silvia Díaz, o acordo permitirá elaborar un programa máis ambicioso.

Díaz asegurou tamén que a súa formación non renuncia a un dos seus principais compromisos: estar ao servizo da cidadanía.

Agís e Díaz estiveron acompañados na presentación desta coalición por representantes da coordinadora de Avante Poio e do Partido Socialista. Entre eles, o líder provincial, David Regades, que cualificou o acordo como unha oportunidade para Poio.