PONTEVEDRA> Dous detidos en Pontevedra nas últimas horas como presuntos autores de cadansúa agresión machista. Segundo explicaron dende o concello, os dous episodios déronse no centro da cidade. Un no interior dunha vivenda e outro en plena rúa, na madrugada de hoxe. As detencións foron posibles grazas ás denuncias de testemuñas.
A colaboración cidadá foi clave para deter a dous homes en Pontevedra como presuntos autores de cadanseu delito de violencia machista.
Os dous casos rexistráronse no casco urbano pontevedrés. O primeiro foi ao redor das 2 da tarde de onte nun domicilio particular. A vítima, de 24 anos, e o detido, de 30, eran parella dende hai un ano.
Non hai denuncias previas pero non se desbota que xa se produciran incidentes con anterioridade.
O segundo caso produciuse ás 4 da madrugada de hoxe, en plena rúa.
Neste caso, a vítima ten 43 anos e o presunto agresor, 53. Ambos mantiñan unha relación sentimental dende había un par de meses.