Rafa Domínguez cifra en 42,7 millóns de euros o investimento da Deputación na cidade de Pontevedra no 2027

PONTEVEDRA> Se onte coñeciamos o contido dos orzamentos da Deputación de Pontevedra do 2027 para toda a provincia, hoxe o vicepresidente Rafa Domínguez detallou o impacto que terán na capital pontevedresa. Segundo Domínguez, os investimentos da Deputación na cidade superarán os 42,7 millóns de euros. Repartidos en áreas como estradas, deporte, patrimonio, cultura e mobilidade sostible.

Máis de 42,7 millóns de euros dos orzamentos da Deputación de Pontevedra para o 2027 quedarán na cidade pontevedresa.

Polo miúdo, o vicepresidente provincial destacou os investimentos previstos na mobilidade da cidade. Así, falou da mellora da EP-018 en Xeve, do proxecto de mellora de seguridade viaria na estrada de Tomeza ou dos 300.000 euros para a Vía Verde. A contía máis elevada resérvase para a mellora da EP-0012, en Salcedo.

Domínguez sinalou o Museo e o patrimonio como outra das áreas prioritarias. Así, adiantou que a Bienal volverá no 2027. Sobre os edificios centrais explicou que a idea é licitar os traballos o próximo ano, ao igual que apertura ao público dos xardíns de Santa Clara.

O vicepresidente referiuse ademais á reforma do pavillón do Príncipe Felipe, cun orzamento de 2,5 millóns de euros ou ao arranxo do céspede do Estadio de Pasarón, para o que se reserva un millón e que agarda que o concello impulse antes da vindeira tempada. Tamén destaca a partida de 20.000 euros destinada ao Festival Surfing the Lérez.

A isto hai que sumar o convenio anual de 2,5 millóns de euros co concello de Pontevedra, de libre disposición municipal.

A recuperación dos xardíns lindeiros co Mosteiro de Lérez, o estudo dun posible percorrido de BTT polo monte da Fracha ou a remodelación do Palacete das Mendoza, son outras intervencións que a Deputación prevé realizar en Pontevedra no 2027.