Pontevedra dá por segura a compra do convento de Santa Clara

PONTEVEDRA> O concello de Pontevedra dá por segura a compra do convento de Santa Clara. Dende o goberno local afirman que as negociacións están moi avanzadas, quedando só algún floco pendente. Son cuestións como que facer cun soterramento de monxas que existe no xardín ou que destino terán os retablos que hai no edificio. A operación precisa, ademais, do visto bo do Vaticano.

Quedan algún flocos pendentes na negociación, pero o concello de Pontevedra dá por segura a compra do convento de Santa Clara. As conversas comezaron en outono e o goberno local destaca o bo entendemento que está a marcar a relación coa Igrexa.

Que facer cun soterramento de monxas sen identificar que está no xardín e o destino dunha serie de retablos que hai no edificio son dúas das cuestión pendentes de solucionar.

Moreda non quixo dar cifras, pero si indicou que a operación de compra superará o millón de euros. Tamén adiantou que contan co visto bo da Consellería de Cultura, tendo en conta que o convento está catalogado como Ben de Interese Cultural. A pesares de que leva pechado dende 2017, os técnicos municipais comprobaron que está en bo estado.

O concello ten a certeza de que é o único comprador que está a negociar para facerse co inmoble. Iso si, non manexan prazos.

Pola súa banda, o Partido Popular considera insuficientes as explicacións de Xaquín Moreda. Insisten en reclamar os informes técnicos que avalan esta operación e piden a convocatoria dunha comisión extraordinaria para abordar este asunto. Tamén esixen que o departamento de intervención explique como se vai realizar a compra, e é que non entenden que o goberno local siga adiante coa operación sen definir o uso que dará ao edificio.